“Danzar o Camiño” é un proxecto da compañía escénica Kirenia Danza apoiado polo programa O Teu Xacobeo, no que colabora a Fundación Uxío Novoneyra no marco do proxecto Horizonte 2020 rurAllure.eu.


Kirenia Danza é unha compañía galega de danza, fundada en 2019 por Kirenia Martínez Acosta, coreógrafa, bailarina e actriz, e Branca Novoneyra, poeta. É unha compañía de creación artística contemporánea que crea, dirixe, distribúe e produce proxectos escénicos. Nas súas creacións prima a investigación de novas expresións escénicas ligadas á linguaxe do movemento e a palabra. Actualmente combina as creacións propias con encargos coreográficos, colaboracións teatrais, literarias e proxectos formativos, e de cooperación europea con outras entidades no nivel internacional e desenvolve outras propostas coreográficas.


A Fundación Uxío Novoneyra é unha fundación cultural de interese estatal que busca a internacionalización da cultura galega xunto coa importación das mellores prácticas internacionais á mesma coa axuda do seu laboratorio de finaciamento e internacionalización de proxectos Ith, como complemento aos seus obxectivos de protección do legado do poeta que a nomea.



“O teu Xacobeo” é un programa de axudas específicas para a dinamizacións sociocultural do Camiño de Santiago e a promoción do Xacobeo 2021-2022. Este programa, reflicte o carácter participativo, diverso, descentralizado e sostible deste evento, xa que permite que todos os axentes da sociedade participen activamente no próximo Ano Santo. É a propia cidadanía a que deseña a programación a través das súas propostas seleccionadas por concurrencia competitiva.



rurAllure.eu é un proxecto europeo de innovación aplicada á atracción de turistas e pelegríns das grandes rotas europeas ao patrimonio cultural rural que as perimetra.